Gadis presenta "Foliada!", un proxecto artístico para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025
A cadea de supermercados presenta un proxecto artístico único que reúne a cinco escritoras e cinco ilustradoras galegas para reinterpretar a tradición das cantigas populares
Gadis celebra o Día das Letras Galegas
Santiago - Publicado el
2 min lectura
A cadea de supermercados Gadis presentoa as accións que levará a cabo para celebrar o Día das Letras Galegas 2025. O proxecto, titulado Foliada!, renderá unha homenaxe ás cantareiras galegas, un tributo orixinal no que se reúnen cinco escritoras e cinco ilustradoras galegas para reinterpretar a cultura popular galega.
Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Solar, María Lado e Esther F. Carrodeguas son as autoras que reinterpretan as históricas cantigas, transmitidas de xeración en xeración de forma oral, nun formato moderno e innovador. Nunhas láminas nas que ofrecen unha especial mestura de literatura, música e ilustración. O proxecto recóllese nunha caixa deseñada a modo de vinilo musical, ofrecendo un enfoque visual e sonoro único.
As ilustradoras encargadas de dar vida a esta proposta son Laura Tova, Laura Mahía, Xoana Almar, María Montes e Iria Fafián, que acompañan os textos das autoras cunhas imaxes que engloban a esencia e a beleza da cultura galega.
GADIS AGASALLA POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Gadis repartirá un total de 30.000 unidades de Foliada! de balde, ata esgotar existencias, en todos os seus supermercados de Galicia o vindeiro venres 16 de maio. Ademais, distribuiranse 40.000 bolsas de compra de papel reciclado, que tamén renderán homenaxe ás pandereteiras de Mens, Adolfina e Rosas Casás, e Eva Castiñeira, as figuras das Letras Galegas deste ano.
A través da web www.gadisletrasgalegas.gal, os usuarios poderán descargar a versión dixital das láminas e escoitar as pistas musicais cedidas por entidades como o Museo do Pobo Galego.
O evento cultural contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen destacou a implicación de Gadis no ámbito cultural, afirmando que "é importantísima esa conexión entre a actividade económica e o ámbito social". Tamén asistiron ao evento o secretario Xeral da Lingua, Valentín García, e outros representantes de GADISA Retail, como o director de Comunicación, José Luis Fernández Astray, a directora de Marketing e RSC, Melisa Pagliaro, e a coordinadora de Marketing Dixital e Contidos, Alexandra Kuntz.
Gadis, unha empresa de raíces 100% galegas, leva máis de 20 anos demostrando o seu compromiso coa cultura e a lingua galega. A través da súa Responsabilidade Social Corporativa, máis do 33% das súas accións están orientadas á promoción cultural, apoiando especialmente a lingua galega e a edición de libros neste idioma. No último cuarto de século, Gadis publicou máis de 430.000 exemplares de libros en galego, tanto de autores noveis como de escritores consagrados.
Con esta nova iniciativa, Gadis continúa apostando pola cultura galega, e Foliada! é un exemplo máis do seu compromiso cos valores culturais e sociais de Galicia.