Unha empresa de Lugo simplifica o transporte aéreo de mercadorías a "un só clic"
O Concello da capital luguesa acaba de confirmar un investimento de 400.000 euros en Air Cargo Booking do seu fondo de capital risco para incentivar a consolidación no municipio de empresas innovadoras
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, informou na Casa do Concello da incorporación de Air Cargo Booking S.L. ao fondo municipal de investimento Lugo Transforma, creado para incentivar a chegada e a consolidación de empresas innovadoras, capaces de crear emprego de calidade, na cidade. Constituída en 2023 na capital luguesa, a empresa desenvolveu a primeira plataforma en liña para a reserva e xestión de espazo en voos de carga.
Nese acto, o rexedor local estivo acompañado por Pablo Gallego, cofundador da compañía, e Álvaro Bueno, responsable de Contas e Operacións, xunto con Jorge Leiro, analista de investimentos da entidade xestora do fondo.
“O que hoxe presentamos é unha mostra clara de que desde Lugo tamén se pode innovar e competir no ámbito da loxística internacional. Con Air Cargo Booking reforzamos o noso compromiso cun tecido produtivo máis moderno, diverso e preparado para os retos do futuro”, sinalou o rexedor.
simplifica o proceso de transporte cun "só clic"
A compañía simplifica un proceso ata agora analóxico e disperso: permite ás empresas exportadoras e importadoras reservar espazo cun só clic, calcular tarifas automáticamente, xestionar documentación e trámites aduaneiros, así como contratar os seguros necesarios. "A súa solución dixital aumenta a eficiencia, acelera os tempos de resposta e reduce os custos loxísticos", precisa o Concello de Lugo.
Air Cargo Booking traballa xa con aeroliñas de referencia como Iberia, Air Europa ou Emirates, e ten experiencia no envío de mercadorías de todo tipo: perecedoiros, produtos farmacéuticos, animais vivos, cargas voluminosas ou mesmo mercadorías perigosas. A súa sede principal está en Lugo, na Ronda da Muralla, e conta tamén con oficinas en Madrid e Londres. As previsións apuntan a un crecemento da plantilla ata os 15 empregados nos próximos cinco anos.
A operación conta cunha achega de 400.000 euros por parte do fondo Lugo Transforma, repartida entre capital social e préstamo participativo convertible.
"unha oportunidade única"
Pola súa parte, Pablo Gallego e Álvaro Bueno agradeceron a confianza de Lugo Transforma e subliñaron que “para nós é unha oportunidade única formar parte deste fondo municipal, que nos permite acelerar un proxecto nacido en Lugo e pensado para competir a nivel internacional, ofrecendo ás empresas unha plataforma pioneira que lles aforra custos e tempo en toda a loxística aérea”.
Jorge Leiro, de Torsa Capital, explicou que “Air Cargo Booking nace en Lugo cun produto innovador que moderniza un sector ata agora moi analóxico, ofrecendo máis eficiencia e competitividade nun ámbito en crecemento marcado polo comercio electrónico”.
doce empresas participadas
Con esta nova incorporación, Lugo Transforma suma 12 empresas participadas e un volume total investido de 4.360.000 euros.
O fondo municipal conta actualmente coas seguintes compañías participadas: LexDigo, Innogando, InVerbis, TechAway, Boldest, Monkey Markets, DosDog, Himikode Tech, Equipzilla, Nexotech, Vig Sec Drone e Air Cargo Booking.
A través delas, "Lugo está a atraer talento, apoiar a innovación e consolidar emprego cualificado en sectores como a biotecnoloxía, a loxística, a transformación dixital ou a aeronáutica", dixo o alcalde.