Sexas romano ou castrexo esta información interésache: o Concello de Lugo activa un Plan Especial de Tráfico durante as festas do Arde Lucus

O goberno local fai un chamamento á cidadanía para que siga as indicacións dos corpos de seguridade, empregue o transporte público de ser posible e planifique os seus desprazamentos con antelación

Cedida

Unha trintena de empresas privadas aportan algo máis de 100.000 euros para a organización do Arde Lucus

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el - Actualizado

4 min lectura

O Concello de Lugo vén de activar un Plan Especial de Tráfico para garantir a seguridade e a boa organización durante a celebración das festas do Arde Lucus 2025, que terán lugar os días 12, 13, 14 e 15 de xuño nas rúas e espazos públicos da cidade.

Este plan contempla diversos cortes e restricións puntuais de tráfico que afectan a distintas zonas, en función dos actos programados e da previsión de asistencia masiva de público.

XOVES 12 de XUÑO

Desde as 8:00 horas cortarase o tráfico na Avenida Ramón Ferreiro (no treito entre a Rúa Salvador de Madariaga e a Glorieta Xaquín Lorenzo), onde se instalarán postos de restauración. Esta zona permanecerá pechada ata o luns 16 pola mañá.

A partir das 20:30 horas procederase ao corte do tráfico na contorna da Ponte Romana, tanto na marxe norte como na sur do río Miño, coincidindo coa chegada das lexións romanas.

Cedida

Loita entre romanos e castrexos no Arde Lucus 2024

VENRES 13 de XUÑO

A Rúa Quiroga Ballesteros e a Praza de Santo Domingo serán unha zona de alto tránsito peonil e tamén o punto de saída e chegada de tódolos espectáculos itinerantes que tamén inclúen postos de comida, polo que o tránsito de vehículos será desviado cara á Rúa San Marcos os días 13, 14 e 15 de xuño.

SÁBADO 14 de xuño

A partir das 7:00 horas e ata o domingo ás 12:00 horas restrínxese o estacionamento en ambos marxes da calzada da Rúa Anxo López Pérez, dende diante do Cantiño Nemesio Cobreros ata Avenida Ramón Ferreiro. Cabe destacar que dende o venres 6 queda restrinxido xa o aparcamento de vehículos na Rúa Alcalde Anxo López Pérez, na marxe dereita, dende a entrada ao aparcamento municipal ata Avenida Ramón Ferreiro

Debido ao evento das 18:20 horas do sábado, o Asalto ao Monte Medulio, faise preciso manter cortada ao tráfico a Avenida Alcalde Anxo López Pérez dende as 18:00 horas. Ao cortar esa vía, darase entrada e saída puntual por Rúa Cidade de Vigo en dobre sentido de circulación para os residentes e usuarios do aparcamento subterráneo da Praza da Constitución. Do mesmo xeito, dando alternativa adecuada de saída da estación a autobuses interurbanos, é necesaria a reserva de espazos de estacionamento en Rúa Catasol.

Tamén ás 18:00 horas terá lugar o Circo Romano na explanada do Palacio Municipal de Deportes, polo que se establecen accesos alternativos e restricións na zona. Ademais, para a montaxe de instalacións foi necesario restrinxir o estacionamento de autocaravanas na explanada do pavillón, habilitando un estacionamento alternativo en San Fiz, na Rúa Montirón, fronte ao Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal e Hixiene.

Ramudo

O Arde Lucus deixa cada ano imaxes impactantes

Ás 20:30 horas iniciarase o tradicional desfile de tropas romanas e tribos castrexas pola Ronda da Muralla, que permanecerá pechada ao tráfico entre as 20:00 e as 21:30 horas.

DOMINGO 15 de xuño

Ás 11:30 horas celebrarase o desfile de colexios, con saída dende a Praza Santo Domingo e percorrido pola Praza Maior, Praza da Mosqueira e a Ronda da Muralla ata a Porta de San Fernando. Durante o evento cortarase o tráfico na Ronda da Muralla.

chamamento á cidadanía

O Concello fai un chamamento á cidadanía para que siga as indicacións dos corpos de seguridade, empregue o transporte público de ser posible e planifique os seus desprazamentos con antelación.

Este operativo de tráfico busca compatibilizar o normal funcionamento da cidade coa celebración dun evento que cada ano atrae a milleiros de persoas.

Ramudo

Desfile pola Ronda da Muralla

 Apoio da empresa privada  

A preparación do programa da actual edición do Arde Lucus, a vixésimo cuarta, que arrancará o vindeiro xoves, fíxose posible grazas ao traballo da Área de Xuventude do Concello de Lugo, que, un ano máis, contou coa colaboración público privada

De feito, na festa deste 2025, o número de empresas privadas patrocinadoras do Arde Lucus aumentou lixeiramente pasando de 26 a 30.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta unha xuntanza con algúns dos representantes das firmas que colaboran. 

Agradeceulles "a súa implicación e apoio á festa e tamén á cidade, porque esta é unha festa que facemos entre todos e todas; de feito, creo o compromiso do tecido produtivo lucense está á altura da implicación que mostra toda a cidadanía co noso Arde Lucus".

O apoio económico dos negocios lucenses permitiu acadar un orzamento de 103.200 euros, aos que se sumou a colaboración das administracións públicas. 

É unha contía similar ao do pasado ano, aínda que un pouco inferior, pero "valoramos moi positivamente que as empresas e negocios que colaboran coa nosa festa medre edición tras edición, demostrando que o Arde Lucus non só destaca pola implicación da cidadanía senón polo grao de compromiso dos negocios e do tecido produtivo de Lugo na nosa festa de recreación histórica".

Temas relacionados