Rebélanse os donos de fincas no rural e algúns propietarios de vivendas de Lugo: o IBI súbese sen melloras e con terreos inservibles
Veciños de diversas parroquias e tamén algúns da cidade amósanse indignados pola suba do imposto da contribución, en ocasións superior ao 100%.
Lugo - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
Algunhos, denuncian a falta de servizos e contraprestacións por parte do Concello de Lugo. Este aumento de impostos, ademais, non se acompaña de melloras nin na calidade de vida rural nin nos servizos básicos.
Veciños da cidade tamén se queixan do aumento do IBI
Non só os habitantes do rural están descontentos. Tamén os veciños de Lugo cidade expresan o seu malestar polas subas no IBI, unha cuestión que aumenta a indignación entre quen xa sofren as consecuencias do alza no custo da vida. Moitos consideran que, a pesar de pagar máis impostos, a cidade non está a mellorar as infraestruturas nin a calidade dos servizos municipais. A sensación predominante é que, en lugar de mellorar as condicións de vida urbana, a medida só provoca un aumento da carga fiscal sen ofrecer contrapartidas.
Recibos duplicados e terras sen servizos básicos
En parroquias como San Xoán do Campo, Soñar, Tirimol, Coeo ou Sáa, o malestar é crecente. Moitos veciños recibiron este ano os recibos do IBI (Imposto de Bens Inmobles) con incrementos que, en algúns casos, superan o 100% con respecto ao ano pasado. A situación xerou unha onda de protestas e críticas ao Concello de Lugo, ao que acusan de aplicar subas inxustificadas sen ofrecer melloras nos servizos.
“Piden que paguemos como se estivéramos no centro de Lugo, pero aquí temos pistas cheas de fochancas, cunetas sen limpar, non temos auga da traída nin alcantarillado. E a pesar de todo, o recibo chega igual”, denuncia un mozo de Tirimol.
Terreos de "expansión" que non se poden aproveitar
O conflito agrávase en zonas clasificadas no PXOM como "expansión de núcleo", teoricamente aptas para edificar, pero que na práctica seguen sendo terras rústicas sen urbanizar. “Non podemos construír nada, esas fincas só valen para prantar patacas”, explica unha veciña de San Xoán do Campo, que amosa un recibo de 479,92 euros por parcelas inutilizables.
A dificultade de desenvolver colectivamente eses terreos e a imposibilidade individual de asumir os custos converten a clasificación urbanística nunha trampa fiscal para moitos propietarios.
Servizos mínimos, pero impostos máximos
A maioría dos veciños consultados non cuestionan o feito de pagar impostos, pero reclaman que eses cartos se traduzan en melloras reais nas súas parroquias. “A subida do IBI pode ser discutible ou non, pero polo menos que nos leven un camión de zahorra sen ter que estar suplicando”, protesta un veciño de Coeo.
Hai quen recoñece que, nalgúns casos, non pagan pola recollida do lixo, mais matizan: “Depende da parroquia; nalgúns sitios recollen dúas veces por semana e noutros só unha. En Coeo, por exemplo, só pasan unha vez”.
Indignación e iniciativa veciñal
A falta de resposta municipal empurra a moitos veciños a tomar a iniciativa. En Sáa, o propio pedáneo encárgase do desbroce para manter limpas as pistas: “Faino porque lle dará vergoña que o Concello non actúe”, comenta outro veciño.
En Santa Comba, calculan que os recibos de rústica subiron arredor dun 60% e os de vivenda un 10%. O sentimento de inxustiza medra: “Parece que nos castigan por vivir no rural”, resume un home de San Xoán do Campo.
“Tamén coidamos do rural… e da cidade”
Moitos dos afectados lembran que o rural de Lugo —o terceiro concello máis extenso de Galicia— produce alimentos e mantén as paisaxes que despois gozan os veciños da cidade. “Se non limpamos nós, as silvas chegarían ao centro”, din con ironía.
Recoñecen que, electoralmente, o rural representa poucos votos. “Pero tamén somos Lugo. E queremos que o que pagamos reverta dalgunha maneira”, conclúe unha muller de Soñar.
Protesta silenciosa: pagan… pero van reclamar
A gran maioría dos veciños xa pagaron os seus recibos por medo a recargos ou sancións, pero anuncian que van reclamar formalmente. “Non é de recibo —nunca mellor dito— que nos cobren sen ofrecernos nada a cambio”, sentenza un veciño de Santa Comba.
Este ano, o IBI no rural de Lugo (e tamén na capital) vén con polémica. E moitos veciños din que non están dispostos a calar máis.