Protesta en Portomarín (Lugo) polo agrupamento de nenos de tres cursos nunha mesma clase
Convocados pola ANPA do CEIP Virxe da Luz, preto dun cento de persoas reclamaron que se manteña o profesorado e os agrupamentos do ano pasado como indica a lei
Lugo - Publicado el
2 min lectura
Preto dun cento de veciños de Portomarín, convocados pola ANPA do CEIP Virxe da Luz e coincidindo co inicio dun novo curso escolar, manifestáronse polas rúas da capital municipal para reclamar que se manteña o profesorado do curso anterior e os agrupamentos de nenos de dous cursos por clase, “e non de tres como se pretende”.
Mediante un comunicado, os pais lembraron que “o curso pasado, no CEIP Virxe da Luz de Portomarín, a pesar de incrementarse a matrícula, xa tentaron facer un recorte de profesorado e agrupamentos de tres cursos de diferentes ciclos (1º, 2º e 3º por un lado; e 4ª, 5º e 6º, polo outro), pero despois das protestas encabezadas pola ANPA, a Consellería de Educación deu marcha atrás e mandou un profesor” máis.
Este curso, en cambio, “a pesar de que a matrícula volvía incrementarse, pretende recortar profesorado, amparándose nunha modificación da lei”. Sen embargo, a ANPA lembra que “a propia norma indica que se deben manter os mesmos agrupamentos que no curso anterior, polo que non procedería que recortaran o profesorado”.
Os pais lembran, ademais, que segue “sen cubrir a praza da profesora especialista de inglés, como correspondería, ao estar a titular en comisión de servizos”.
A manifestación contou co apoio da corporación municipal, encabezada polo alcalde
"máis alumnos, un profesor menos"
“Dinnos que cumpren a lei, pero se con máis alumnos consideran que nos corresponde un profesor menos, como poden falar dunha lei de melloras do sistema educativo”, sinalou a presidenta da ANPA, Soraya González.
“A lei fixa unha aplicación progresiva das ratios nos agrupamentos o que supón que nun agrupamento de dous cursos non pode haber máis de 15 alumnos, pero pode haber 18 nun agrupamento de tres cursos. Non pode haber 15 alumnos nunha aula de infantil pero, en cambio, pode haber un aula con 15 alumnos de primaria de distintos ciclos. Non ten sentido” explicou a presidenta Soraya González.
- A manifestación foi apoiada pola Corporación municipal, tanto concelleiros do PP como do PSOE, xunto co alcalde á cabeza. Tamén acudiu a voceira do grupo provincial socialista da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou a ANPA.