Poñen verde a Lugo en primavera: o Concello colocará 37.000 plantas ornamentais na cidade
A intervención desenvolverase en cinco fases, tanto en espazos do centro, como o Parque de Rosalía ou a Praza da Constitución, como en barrios -Garabolos, Paradai ou a Milagrosa- e mesmo nas rotondas de acceso á cidade, como na Fonte dos Ranchos ou na de Adolfo Suárez
Miguel plantas
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, puxo en marcha esta semana a campaña de plantación de flor de tempada para a primavera.
Durante cinco semanas, os equipos municipais intervirán en 31 espazos verdes repartidos por toda a cidade, coa colocación de 37.300 unidades de planta ornamental.
A actuación abrangue tanto espazos emblemáticos do centro, como o Parque de Rosalía, a Praza Maior ou a Praza da Constitución, como tamén zonas residenciais e puntos de acceso como Garabolos, Fonte dos Ranchos, Paradai ou a Praza de San Xoán.
"Queremos que todos os barrios de Lugo, sen excepción, conten con zonas verdes coidadas e cheas de vida. Esa é unha forma directa de mellorar o día a día da veciñanza e de construír cidade desde o respecto ao espazo común", afirmou o alcalde, Miguel Fernández.
unha ampla variedade de flores
O plan de plantación inclúe unha ampla variedade de especies de flor adaptadas ao clima primaveral e cun elevado valor ornamental, como begonias, petunias, impatiens, tagetes, dianthus, coleus ou surfinias.
"Estes traballos permitirán revitalizar as zonas verdes, achegar cor á paisaxe urbana e favorecer a biodiversidade, xerando espazos máis agradables para o paseo, o encontro e a convivencia", dí o goberno local nun comunicado.
O alcalde charla cun dos operarios que traballaba este mércores na Praza Maior da cidade
As actuacións previstas realizaranse de maneira gradual, en coordinación cos servizos técnicos municipais, para garantir que cada intervención se adapte ás características de cada contorna.
"As flores non son só un elemento estético: representan unha forma de entender o coidado da cidade, de proxectar a nosa identidade e de facer de Lugo unha cidade que convida a quedarse", engadiu o rexedor.
Esta campaña forma parte da planificación anual do goberno local en materia de ornato público e mellora ambiental, cun enfoque baseado na continuidade, o respecto pola diversidade vexetal e a atención ao conxunto do territorio.