A palabra do ano en Lugo é... ¡Cantareira!

O goberno local inaugurou este mércores a placa conmemorativa na Rúa Menorca, nun acto que contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el - Actualizado

2 min lectura

O Concello de Lugo inaugurou este mércores na Rúa Menorca a placa coa palabra do ano correspondente ao ano 2024, nun acto institucional que contou coa participación do que foi presidente da Real Academia Galega ata hai uns días, Víctor Fernández Freixanes. O termo elexido este ano é "cantareira", seleccionada polos usuarios no Portal das Palabras. 

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, dixo que "esta iniciativa pon en valor á nosa lingua, un dos simbolos máis importantes de Galiza".

"Cada ano realizamos unha esta intervención artística que xa converteu á Rúa Menorca nun atractivo turístico máis de Lugo", dixo Ferreiro, quen engadiu: "O futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época".

Para o acto deste ano, o Concello de Lugo contou, como vén sendo habitual, coa presencia de representantes da Real Academia Galega, encabezados polo que foi presidente da institución nos últimos oito anos, Víctor Fernández Freixanes.

Ademáis, foron convidados colectivos vencellados coa música tradicional e centros de ensino de Lugo, "para facer deste acto un verdadeiro recoñecemento ás cantareiras, unha figura moi importante na nosa historia que este ano serán recoñecidas no Día das Letras Galegas", afirmou Ferreiro.

Para a colocación das palabras utilizouse un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto.

A elección da palabra do ano comezou no 2014

A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A iniciativa pretende que a veciñanza galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.

As palabras do ano escollidas até o de agora foron: corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós, Tanxugueiras, comadre, cibercarracho e cantareira.

Cantareira, palabra do ano 2024

"A Palabra do Ano 2024 soa a poesía e música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva, a lingua propia. Cantareira impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras nunha chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro cando está a piques de comezar un novo período de doce meses no que Galicia enteira lles renderá homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país", dí o Concello de Lugo.

A palabra cantareira(s) designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a Real Academia Galega dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas.

Temas relacionados