Os nenos de Cospeito foron os primeiros en ser vacinados contra a gripe en Lugo

No conxunto da provincia a campaña pretende chegar a algo máis de 2.300 rapaces de nove colexios ao longo de dúas semanas

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el

2 min lectura

Os escolares do Centro Público Integrado (CPI) Virxe do Carme de Cospeito foron hoxe os primeiros da provincia en acoller o programa piloto da Xunta para a vacinación fronte á gripe nos centros educativos, que é totalmente voluntaria para as familias.

Persoal de enfermería da área sanitaria desprazouse ao colexio para administrar as vacinas, que se aplican por vía intranasal. Estaban convocados un total de 149 alumnos e alumnas, xa que o programa diríxese aos rapaces de entre 3 e 11 anos, isto é, os que cursan de 4º a 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria.

No conxunto da provincia a campaña pretende chegar a algo máis de 2.300 rapaces de nove colexios ao longo de dúas semanas

  • A previsión inicial é que mañá teña lugar no centro Nosa Señora da Asunción de Sarria, o xoves no colexio San Xosé de Lugo, e o venres na Escola de Educación Infantil de Vilalba. O luns día 20 recalará no Vista Alegre de Burela, o martes no Luis Pimentel de Lugo, o mércores no Landro de Viveiro, o xoves no Lagostelle de Guitiriz, e finalizará o venres 24 no centro Doutor López Suárez de Friol, aínda que podería estar suxeita a algún cambio por razóns de organización.

55 centros en toda galicia

No conxunto de Galicia seleccionáronse 55 centros para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais. En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.

En cada un destes centros organizáronse reunións coas familias e co equipo de enfermería para informar, resolver dúbidas e entregar a folla informativa e a autorización para a vacinación.

O obxectivo da campaña é acadar unha cobertura do 70% entre os nacidos entre 2014 e 2022 para, deste xeito, diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, evitar a cadea de transmisión ás súas familias e reducir o impacto na poboación en xeral.

calendario de vacinación infantil

Onte tamén arrancou o calendario de vacinación infantil contra a gripe en todos os centros de saúde da comunidade, para cativos entre 6 meses e 11 anos. As familias recibirán un SMS coa cita correspondente.

A campaña de vacinación está activa en Galicia desde o pasado 29 de setembro. Entre as novidades deste ano destacan o citado programa piloto, a extensión da cobertura na poboación infantil ata os 11 anos ou a administración da vacina antigripal de alta carga para as persoas de 70 a 79 anos, xa que ata o de agora estaba limitada aos maiores de 80, persoas residentes en centro sanitarios e inmunodeprimidas.

Temas relacionados