O Lume Novo en Lugo: está noite arderán arredor de 400 fogueiras na cidade

No barrio da Piringalla participarán na degustación de dous becerros asados entre 9.000 e 11.000 persoas, para cumprir cunha tradición que comezou hai xa 27 anos 

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el

2 min lectura

Esta noite serán acendidas na cidade de Lugo preto de catrocentas fogueiras. O prazo para pedir permiso ante Policía Local remata este luns ás 13:00 horas, de xeito que o número definitivo aínda non está pechado. Pola experiencia doutros anos, podemos dicir que hai xente que o deixa para última hora. O caso é que o venres xa chegaran ao Concello arredor de 300 solicitudes, na liña doutros anos -no 2024 houbo catrocentas cacharelas no municipio-.

O Concello de Lugo lembraba nas últimas horas unha serie de normas que son de obrigado cumprimento. O primeiro é o sentido común, aínda que iso non está regulado. En todo caso, queda prohibido o lanzamento de foguetes nas zonas urbanas e no rural. Tamén a queima de produtos contaminantes ou tóxicos.

Evidentemente, non se pode facer lume no casco histórico, a carón das casas ou de zonas verdes. Tampouco pode haber fogueiras preto de liñas eléctricas.

Ramudo

A celebración do Lume Novo tamén ten sona dabondo no barrio de Montirón

sardiñas, churrasco e dous becerros asados

Xa saben que esta noite o menú habitual esta composto por sardiñas e churrasco. Na Piringalla, dende hai 27 anos, fan un becerreo ao espeto. O certo é que asan dous, un cedido polo presidente da Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), César Dorado, e outro que compra a propia organización.

Coma sempre, non faltará de nada. Haberá bebida, petiscos e mesmo a actuación dunha orquesta. A degustación do becerro comezará a partir das oito e media desta tarde. A fogueira será acendida a medianoite. Un dos organizadores do Lume Novo na Piringalla, Ricardo Varela, contounos que espera a chegada de entre 9.000 e 10.000 persoas.

Cedida

Os veciños da Piringalla implícanse moito na celebración do Lume Novo

o tempo non será problema

En canto ao tempo para hoxe, amencemos con ceos parcialmente cubertos, pero pola tarde só se esperan nubes de evolución. A temperatura é moi agradable. A mínima esta mañá quedouse en 15 graos, pero chegaremos a 28 a primeira hora da tarde. Non está nada mal. En todo caso non esquezan que isto é Lugo. Non se lles ocurra saír pola noite sen unha chaqueta. Avisados quedan. Feliz noite. 

Temas relacionados