A desavinza entre o Concello e a Xunta que mantén pechado un aparcamento de case 150 prazas en Lugo
O executivo autonómico iniciou unha obra menor para rematar cos problemas de drenaxe de pluviais que ata agora impediron a recepción desa dotación por parte do goberno local, aínda que insiste en que son traballos de competencia municipal
Lugo - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
A Xunta de Galicia comezou os traballos para solucionar os problemas de drenaxe de augas pluviais que se rexistran na contorna do aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán, no barrio de Casás, en Lugo. As obras contan cun orzamento de 48.300 euros e un prazo máximo de execución de tres meses.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, lembrou que o goberno autonómico decidiu asumir estas obras, malia ser de competencia municipal, para que o Concello de Lugo recepcione o aparcamento e axilizar así a súa apertura.
Explicou ademais que as deficiencias na drenaxe de augas na Rúa Monte Pena Rubia (situada na parte de abaixo do párking) son "un problema preexistente e, de feito, as augas que se desbordan proceden en boa parte de afloramentos de auga nas cunetas do vial que nada teñen que ver coa construción do aparcadoiro". Se ben, a situación puido facerse máis evidente ao non poder filtrarse agora a auga ao terreo natural na zona do párking.
A actuación que vén de iniciar a Xunta suporá implantar un sistema de drenaxe na Rúa Monte Pena Rubia -onde actualmente non existe- para canalizar as augas por debaixo do pavimento. Darase así solución aos problemas que se rexistran especialmente nos días de choiva, nos que as actuais deficiencias fan que pase por riba da vía un caudal de auga que provoca arrastres e afecta especialmente ao tránsito de peóns.
unha obra menor, pero necesaria
O delegado territorial detallou que se trata dunha obra menor, cun orzamento de 48.300 euros, "que asumimos pensando nos veciños e veciñas, co ánimo de que se poida abrir por fin este párking tan demandado".
Sinalou ademais -segundo tamén se apreciaba no terreo- que rúa arriba e con independencia tamén das obras do párking existen outros afloramentos de auga que producen escorrentías polo vial, "unha problemática que seguirá existindo ante o deixamento municipal".
A Xunta investiu 1,2 millóns de euros na construción do aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán, que permitirá dotar ao barrio da Residencia de 148 novas prazas para estacionar.
Arias subliñou a aposta do goberno galego por este barrio lucense "ao que nos últimos anos lle demos unha volta integral e un enorme impulso coa apertura tamén de novos servizos como o Centro Integral de Saúde (CIS), a residencia de maiores ou a Oficina de Emprego central de todo o municipio".