O Concello de Lugo trata de poñer orde na organización dos festexos locais
As comisións terán que tramitar os permisos un mes antes, con fianza e con límite horario, para conciliar as celebracións co dereito ao descanso
Lugo - Publicado el - Actualizado
3 min lectura
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, acompañados por técnicos municipais e mandos da Policía local e a Unidade de Mobilidade, mantiveron un encontro cos representantes da comisións de festas do municipio para informarlos sobre o novo procedemento de tramitación técnica e administrativa para a organización dos seus eventos.
"A finalidade desta reunión foi dar a coñecer aos representantes das comisións de forma detallada o procedemento para a organización dos seus festexos e permitirlles así traballar cun maior nivel de previsión para este 2025", sinalou a rexedora tras o encontro.
Durante a xuntanza, Alvarellos explicoulles aos promotores as liñas xerais do procedemento municipal e deulles a coñecer os prazos establecidos para levar a cabo a presentación do modelo 174 e da documentación técnica necesaria. Deberán realizala polo menos cun mes de antelación.
Unha vez efectuado este trámite os técnicos municipais realizarán unha avaliación da mesma e farán un único requirimento no caso de que sexa necesario. Os promotores dispoñerán desde ese momento de 10 días para emendar calquera deficiencia que puidese detectarse.
Na xuntanza, a alcaldesa explicoulles aos membros das comisións de festas o novo procedemento, acompañada por Arroxo, técnicos municipais e mandos da Policía local
"máis seguridade"
"O obxectivo fundamental é achegar ás nosas festas un maior nivel de seguridade, aumentar os niveis de garantía xurídica para os propios promotores e xerar certeza e celeridade no conxunto do procedemento burocrático", sinalou a alcaldesa quen tamén tomou nota das achegas dos representantes das comisións de festas e comprometeuse a estudar aquelas que puidesen mellorar o conxunto do procedemento.
"É fundamental manter unha relación fluída e constante con este colectivo para garantir a viabilidade das nosas festas. Quixemos organizar esta reunión a principio do ano para posibilitar que leven a cabo o seu labor organizativo coa suficiente antelación e así lograr que as distintas comisións poidan familiarizarse co procedemento para a organización dos seus festexos e manexar de forma correcta os seus tempos", proseguiu.
"O novo sistema vainos a permitir, por unha banda, que os responsables da comisións traballen de forma máis segura e por outro achegar orde ao procedemento así como contar con tempo suficiente para efectuar as comprobacións técnicas necesarias por parte da administración local", explicou Alvarellos.
Pola súa banda, Rubén Arroxo apuntou que "traballar con previsión permite que a organización deste tipo de eventos se leve a cabo coas máximas garantías de seguridade e achega claridade xurídica aos festexos, algo que repercute de existo positivo sobre os propias persoas promotoras, sobre os participantes e persoas usuarias da festa e, polo tanto, sobre o conxunto da cidadanía".
conciliar festexos E descanso
Outro dos obxetivos principais que busca o Goberno local ao introducir estes cambios no sistema de traballo é asegurar a viabilidade dos festexos permitindo conciliar os intereses dos promotores co dereito ao descanso dos veciños e veciñas en cada un dos barrios e parroquias que albergan estes eventos ao longo do ano.
"É necesario garantir a convivencia cidadá para que o desenvolvemento das festas sexa compatible co dereito dos veciños e veciñas ao descanso. É a mellor e única forma de garantir o seu futuro e de preservar este patrimonio cultural que tanto fala da nosa identidade como comunidade", concluíu a rexedora.