Un "camiño peonil" para andar pola zona norte de Lugo

O tenente alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo, anunciou a adxudicación da peonalización da Rúa Milagrosa ata a Praza de Bretaña, facilitando "un percorrido seguro e accesible para a veciñanza"

Baruk Domínguez

Lugo - Publicado el

2 min lectura

O tenente alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Rubén Arroxo, anunciou este mércores a adxudicación da peonalización da Rúa Milagrosa, unha medida que "permitirá crear un camiño peonil dende o barrio da Milagrosa ata a Praza de Bretaña, facilitando un percorrido seguro e accesible para a veciñanza" no treito comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón. O proxecto foi adxudicado á empresa Urbaconsa e suporá un investimento de 409.000 euros.

Arroxo destacou que esta actuación ten como data prevista de inicio o mes de maio, despois das Letras Galegas, e conta cun prazo de execución previsto de nove meses. "Con esta obra seguimos avanzando na creación dunha cidade máis accesible e sostible", afirmou.

COPE Lugo

Os edís Rubén Arroxo e Alexandre Penas supervisan actuacións realizadas na cidade de Lugo

MELLORAS NO ABASTECEMENTO E NA DRENAXE

O proxecto de humanización tamén inclúe importantes melloras nas infraestruturas de abastecemento de auga e drenaxe

A rede de abastecemento será renovada por completo, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil, e instalando novas válvulas, bocas de rego e de incendio para garantir a seguridade e durabilidade da rede. 

Ademais, para a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, que dirixirá a auga de escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede de saneamento e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), reducindo así o volume de auga que entra no sistema municipal.

TRANSFORMACIÓN DA ZONA NORTE DA CIDADE

Nos últimos anos, a Área de Infraestruturas avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade a través da peonalización de rúas clave como a Rúa Divina Pastora, a Praza de Agro do Rolo, a Praza da Milagrosa e parte da Rúa Milagrosa ata a Rúa Curros Enríquez. A isto, engádense recentemente as peonalizacións das rúas Luis Seoane e Camiño Real, "creando unha rede de espazos peonís e fortalecendo o compromiso co modelo de mobilidade sostible".

Arroxo insistiu en que "a zona da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica do barrio, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal".

Temas relacionados