Así coida Lugo das súas árbores senlleiras en tres zonas sensibles do casco histórico

A Deputación iniciou os traballos de poda e tratamento da flora do Pazo de San Marcos, o Museo Provincial e o Fogar de Santa María, para garantir a súa conservación

José Luis Ramudo

Lugo - Publicado el - Actualizado

1 min lectura

A Deputación de Lugo comezou nas últimas horas os traballos de conservación e coidado das árbores que hai nas zonas verdes de tres puntos moi sensibles do centro de Lugo: o Pazo de San Marcos, o Museo Provincial e o Fogar de Santa María. 

Estas labores son executadas pola área de Medio Ambiente para aplicar as medidas necesarias nestes tres espazos provinciais, que contan con zonas verdes no casco histórico, para garantir tanto a súa conservación como a seguridade das persoas que transitan por eles.

O investimento para levar a cabo todos estes traballos é de preto de 18.000 euros e serán realizados de forma progresiva, con prioridade para os máis urxentes. Un estudo, elaborado polos técnicos do Servizo de Medio Ambiente, analizou preto de 50 exemplares e propón actuacións concretas segundo o seu estado. 

Están previstas podas de seguridade e saneamento, instalación de ancoraxes en árbores de gran porte, análises instrumentais en exemplares que presentan feridas ou anomalías, e tamén a tala dalgunhas árbores que supoñen un risco elevado.

especies que precisan coidados especiais

A Deputación explica que o plan responde á necesidade de facer unha xestión responsable do arborado, combinando a seguridade das persoas coa preservación do patrimonio natural. No caso do Pazo de San Marcos, por exemplo, hai especies como magnolios e coníferas moi antigas, que precisan coidados especiais.

Con esta actuación, "a Deputación reafirma o seu compromiso coa protección dos espazos verdes e cunha xestión sostible e segura do medio natural de titularidade provincial", sinala o goberno provincial.

Temas relacionados