Chago Martínez, o ferreiro de Santiago: "Dóeme un mundo ver pintadas no noso casco histórico"
É un dos distinguidos coa Alba de Compostela que outorga o concello de Santiago o 25 de xullo, canda á médica Charo Rúa, a cantareira Aurora de Freira e o hostaleiro Suso do Dezaseis.
Santiago - Publicado el
4 min lectura
Un cu inquedo e adicto ao óxido: así se define Chago Martínez, o ferreiro de Santiago, como é coñecido tamén este artesán que será un dos distinguidos coa Alba de Compostela o vindeiro 25 de xullo. Nunha entrevista en Cope Santiago, Chago confesou que chegou ou seu traballo actual logo dalgunhas voltas noutros oficios. O caso é que cando era un pícaro que ía cara á escola e pasaba polo obradoiro dun ferreiro no barrio do Castiñeiriño, sempre miraba cara adentro do taller, ao lume... "Así que ao abrir a escola-taller en San Domingos de Bonaval e ver que había forxa... trasladoume a aqueles tempos, e así empecei".
Ten a súa propia empresa dende os anos 90, interesándose sempre pola forxa antiga e a restauración.
Conta que para el foi un orgullo poder intervir en lugares emblemáticos da "súa" cidade, como a Colexiata de Sar ou a Catedral e convida a composteláns e visitantes a deterse tanto nos grandes coma nos pequenos detalles que tenemos a sorte de atopar ao noso redor.
"Na Catedral hai pezas alucinantes, hai unha reixería, na Capela do Cristo de Burgos, que se a xente se para a vela con detenimiento pode alucinar... Se autorregula con cuñas de ferro, é unha obra de enxeñería bestial!"
Chago Martínez encargouse da restauración de distintos elementos de ferro na Catedral de Santiago
Alguén que mira con tanta veneración a "súa cidade" non pode entender, claro, que haxa quen non a poña en valor ou mesmo, que se atreva a vandalizala. "Eu cando vexo as pintadas no casco vello me doe un mundo!", asegura. "Eu podo estar de acordo ou non co que hai dentro dun edificio, podo ser relixioso ou non ... pero unha catedral, un casco antigo, non representa só o que ten dentro, está representando a evolución dunha sociedade"
Reixería da fachada da Catedral de Santiago, restaurada por Chago Martínez
Eivas na formación de ferreiros artesáns
Chago é crítico coa formación que se imparte nestes momentos para o traballo de forxa. "Hai unha carencia enorme de personas que teñen unha titulación... pero nunca tiveron práctica en taller, está moi coxa aí a educación". Engade que "o ferro antigo non se pode traballar igual que o actual, porque funcionan de xeito diferente... pero é o que hai nun país onde ter un título vale máis que a experiencia de 30 anos!".
Pon como exemplo que no seu taller están "fartos de arranxar portas e portais de comunidades que chega o verán e non abren...porque cando se instalan, non se ten en conta a dilatación, as contraccións dos materiais". Falta "xente profesional de verdade... agora Artes e Oficios é sobre todo arte, vai máis dedicado á escultura que ao resto dos traballos, decímolo tódolos artesáns".
¿que teñen en común Un ferreiro, unha médica, unha cantareira e un hostaleiro?
Ao carón de Chago o 25 de xullo recollerán tamén a distinción municipal con motivo do día de Galicia a médica Charo Rúa, a cantareira Aurora de Freira e o hostaleiro Suso do Dezaseis. O Consello Asesor de Condecoracións acordou por unanimidade que "son referentes no eido da sanidade, dos oficios tradicionais, da transmisión da poesía popular oral e da hostalería, e teñen unha fonda vinculación con Compostela, ben a través da súa actividade profesional ou da súa traxectoria persoal".
Rosario García Rúa esta considerada a médica de helicóptero decana do Estado español. Desenvolveu a súa actividade no eido da sanidade durante máis de catro décadas, traballando como médica no helicóptero do 061 durante 34 anos. "Tamén destaca no mundo da docencia e da divulgación especializada dirixida a profesionais do eido sanitario, das forzas de seguridade e de entidades de voluntariado".
Pilar Aurora Otero Pérez é cantareira e informante. Nacida en Grixoa e veciña de San Xoán de Fecha "destaca como transmisora da música e das melodías populares, desenvolvendo un importante papel en compilacións e recollidas de música tradicional. É unha das referentes compostelás aínda en activo na transmisión da poesía popular oral".
Xesús Manuel Coba Cascallar, coñecido como Suso do Dezaseis, é o hostaleiro que puxo en marcha a Casa de Xantar O’Dezaseis asentada no barrio de San Pedro e que, neste 2025, está de 30 aniversario. Como hostaleiro destaca por "crear comunidade ao redor da cociña tradicional e de calidade, e por converter o seu restaurante en lugar de xuntanza cultural e social, conseguindo crear un espazo de referencia tanto para persoas visitantes como para a veciñanza".