Cantareiras de Alxibeira, Narón: "Isto é un recoñecemento histórico que estas mulleres necesitaban"

A RAG homenaxea no Días das Letras Galegas 2025 ás cantereiras e á poesía popular

Ada Romero

Ferrol - Publicado el

2 min lectura

Este sábado celébrase o Día das Letras Galegas cunha homenaxe ás cantareiras e á poesía popular, poñendo así en valor a tarefa das mulleres que foron gardiás da nosa lingua, das nosas tradicións e da cultura popular transmitida a través de cancións e bailes. 

Nas nosas comarcas, (Ferrolterra, Eume e Ortegal) aínda que sen gran tradición en canto de cantareiras, hoxe en día existen varios grupos de mulleres e escolas tradicionais que levan a cabo traballos de investigación e teñen un repertorio formado por bailes, cancións e músicas propias das aldeas das catro provincias galegas.

 É o caso das cantareiras/pandereteiras da escola Alxibeira, que naceron a finais do 1986 ao amparo do concello e do Padroado de Cultura de Narón. 

Belén Mato, directora de Alxibeira, fálanos das recollidas que as cantareiras realizan e que tamén a RAG quere poñer este ano en valor. 

As recollidas non son outra cousa que a tarefa de percorrer aldeas e vilas do país escoitando pezas para logo poder rexitralas e que non se perdan. 

GRAN MOMENTO DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

Desde Alxibeira destacan o gran momento que está a vivir a música tradicional galega; non consideran que sexa unha moda, senón que cren que son as escolas de música tradicional as que están detrás e sempre apoiaron a cultura popular e tamén a lingua mediante a formación popular. Belén Mato, afirma que este recoñecemento ás cantareiras, creadoras de arte e beleza, a pesar dos tempos difíciles que lles tocou vivir, era unha débeda histórica. 

GRUPO DE MÚSICA E BAILES TRADICIONAIS ALXIBEIRA 

O Padroado da Cultura do Concello de Narón creou o grupo Alxibeira a finais de 1986 co obxectivo de revalorizar o folclore e costumes de Galicia e recuperar as nosas tradicións, fundamentando os traballos de investigación nas verdadeiras raíces autóctonas. 

Nos seus inicios, os compoñentes pertencían ás diversas Escolas de Baile e Música Tradicional que o Padroado da Cultura tiña espalladas polas parroquias, e a entidades privadas e públicas do propio Concello. 

Na década dos anos 80 e primeiros anos dos 90 Alxibeira percorre as aldeas galegas na pescuda de bailes, músicas, etc. Con todos estes datos elabora o seu repertorio, composto por algúns dos bailes máis representativos de cada zona, e tamén por un bo número de cancións, coa intención de buscar os matices peculiares de cada comarca. 

O seu repertorio está formado por bailes, cantigas e músicas propias de aldeas das catro provincias galegas. 

O que incumbe ao vestiario, todos os traxes foron reconstruídos seguindo fielmente os patróns e tecidos dos traxes antigos. A presentación oficial de Alxibeira tivo lugar o 30 de xullo de 1988, e desde entón levan feito innumerables actuacións pola xeografía galega, así como no Estado Español, Portugal, Alemaña, Polonia, Italia, Francia, Chipre, Chile, Cuba, Brasil etc. Tres son as monitoras didácticas que imparten clases semanais á agrupación: Belén Mato, Lorena Barea e Zahyra Regueira, baixo a dirección, desde outubro de 2020 de Quique Peón.