Os nomes únicos do corazón de Galicia
A Real Academia Galega presentou en Antas de Ulla un volume que explica a orixe e o significado dos topónimos deste concello situado no interior da provincia de Lugo
Lugo
Tiempo de lectura: 3' Actualizado 11:48
A filóloga Andrea Santiso Arias presentou o pasado venres na Casa da Cultura de Antas de Ulla o novo libro da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega (RAG), Toponimia de Antas de Ulla, no que achega ao público xeral a orixe e o significado de 163 topónimos deste concello lugués.
Entre eles figura o do lugar de Nugallás, onde se sitúa, segundo determinou o Instituto Geográfico Nacional (IGN) en 2020, o centro xeográfico de Galicia.
O volume, dispoñible en edición dixital na páxina de publicacións de academia.gal, percorre as 28 parroquias deste municipio e os seus 133 lugares. Son en total 163 topónimos, aos que Andrea Santiso engadiu outros dous que non figuran no Nomenclátor de Galicia (cinguido aos nomes de entidades de poboación), O Campo das Antas e O Rego do Santo, así como o do monte Farelo.
Un "pequeno faro" no alto
Farelo, o punto máis alto de Antas de Ulla, a 952 metros, é etimoloxicamente un diminutivo de Faro, nome que, á súa vez, designa o monte de 1.185 metros situado entre os concellos de Rodeiro e Chantada. O termo, explica a autora nesta obra divulgativa, procede do grego e designaba a illa de Pharos na cidade portuaria de Alexandría.
"Non obstante, xa que en Antas nin hai mar nin o temos preto, cómpre interpretarmos metafóricamente o topónimo, aínda que é posible que antigamente se prendese lume na súa cima co obxectivo de establecer unha comunicación cos que estaban embaixo ou cos que estaban noutra altura situada a distancia", expón a filóloga.
No tocante á súa datación, o termo rexístrase por primeira vez no século XIX, o que confirma a súa formación xa dende a lingua galega. Con anterioridade, o monte chamouse Summio, do latín "o máis alto", segundo se constata en documentación do século VI ao XII.
Por que Antas de Ulla?
Canto ao nome do concello, Antas de Ulla, o primeiro elemento, Antas, fai referencia seguramente á abundancia de antas co sentido de laxe dun monumento megalítico, de acordo co transmitido pola tradición oral e en consoancia con outro topónimo incluído nesta obra, Campo das Antas. O segundo termo, Ulla, é o hidrotopónimo de raíz indoeuropea que designa o río que nace na parroquia de Olveda, a segunda conca de Galicia despois da do Miño.
Cando en 1836 se creou o concello, tomou o nome de Antas, a parroquia onde se estableceu a casa consistorial, que non coincidía co da vila, chamada Seoane -pronunciada "Soane"-, conta a autora.
"Co tempo, a vila pasou a coñecerse tamén co mesmo nome da parroquia e do concello, Antas, e desde o ano 1916, para desfacer a homonimia cunha localidade situada en Almería, adquiriu o complemento de Ulla", detalla.
"Este vínculo esperta un certo interese filolóxico debido á distancia xeográfica entre os dous territorios, aínda que se estima que non é posible unha orixe común", puntualiza Santiso.
Malia a instauración do nome oficial, a capitalidade do concello seguiu sendo coñecida como Seoane ata ben entrada a década de 1970. A atestación máis antiga atópase nun pergameo do ano 1210 do mosteiro de Vilar de Donas e o primeiro rexistro da grafía moderna, Seoane das Antas, consta nun códice medieval do mosteiro de Oseira de 1473.
A sabedoría da veciñanza
A axuda da veciñanza de Antas de Ulla foi un recurso vital para sacar adiante unha obra que lle permitiu á autora descubrir recunchos da súa terra natal que aínda non coñecía.
Percorreuno palmo a palmo na compaña do seu pai, Xosé Luís Santiso, autor das fotografías que ilustran o volume, dende Aboi ata Vilasión.
Algunha das múltiples paradas desta viaxe de investigación é singular na onomástica galega. É o caso de Bellós, un topónimo único cunha etimoloxía descoñecida, quizais derivado dun nome dun posesor; ou de Dorra, outro nome que non se repite no Nomenclátor de Galicia e que destaca pola súa importancia histórica, pois figura nun escrito do ano 572 do Liber Fidei Sanctae Bracarensis Ecclesiae, manuscrito no que se establece a delimitación oficial de once circunscricións territoriais da Diocese de Lugo.
Nel menciónase Durria como límite dun dos condados, o Comitatus Durriensis, estremeiro cos de Pallares (Pallarensis), Deza (Decensis) e A Ulloa (Ulliensis).
De motivación dubidosa, o académico correspondente Nicandro Ares (1926-2017) suxeriu unha relación con Durrius, variante de Durius, que ademais de nome de persoa foi tamén de río, en concreto o Douro.
O corazón de Galicia
Outro dos topónimos únicos de Galicia que dá Antas de Ulla é o do lugar de Nugallás, se ben nas falas do occidente galego se atopa o seu correlato Nugalláns. Situado entre as parroquias de Arcos e de San Fiz de Amarante, "aínda que a realidade percibida pola veciñanza é que se trata dun único territorio", apunta a autora, o nome do declarado como centro xeográfico da comunidade autónoma podería referirse á abundancia de nogueiras na zona.
Outra posibilidade é que remita a ao adxectivo nugallán, referido a unha persoa con falta de vontade para facer algo que require algún esforzo. Sería daquela un topónimo de natureza xocoso-despectiva como o Mintiráns de Muxía.