O PSdeG provincial de Lugo espera que o presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, “dea explicacións claras” sobre a investigación do Tribunal Supremo por un presunto delicto de tráfico de influencias do que foi acusado polo empresario Jorge Dorribo. “Respectamos totalmente a presunción de inocencia, como o facemos sempre nestes casos, como non podería ser doutro xeito porque é un dereito fundamental, pero só lle pedimos que responda e actúe en coherencia coa importancia que el lle deu a outros casos similares”, afirma o secretario de Organización do PSdeG en Lugo, Carlos González Santín. Os socialistas sinalan que o propio Barreiro definiu a investigación aberta no Supremo ao socialista José Blanco, paralela a esta, como unha situación “de extrema gravidade” e “sen precedentes na historia democrática de España” en declaracións públicas. “Só esperamos que agora sexa coherente coa súa vehemencia e aclare este tema, para o que pedimos, coma sempre, que a Xustiza actúe coa maior celeridade e dilixencia posible, que é o que queremos todos”. Comunicado del PP de Lugo Ante as informacións publicadas hoxe por un medio de comunicación nas que se indica que a Audiencia de Lugo remitiu unha exposición razoada ó Tribunal Supremo para que analice as acusacións realizadas polo empresario Jorge Dorribo contra o presidente do Partido Popular de Lugo e senador por esta provincia, José Manuel Barreiro quere dicir que: É rotundamente falso o que se afirma na información publicada de que facilitou a un parente seu o plego de condicións para o aparcamento do Hospital Universitario “Lucus Augusti” antes de que éste fora sácado a concurso público. A única información que coñece sobre este asunto é a que publica hoxe o referido medio de comunicación e que dende ninguna instancia xudicial comunicouselle procedemento algún. Así, a data de hoxe, o Xulgado número 2 da Audiencia Provincial de Lugo non lle remitiu información sobre ningún procedemento na súa contra. Puntualizado esto, José Manuel Barreiro amosou a súa disposición, como non podería ser doutra maneira, a colaborar coa xustiza na aclaración deste asunto. O senador popular afirmou que, de confirmarse que efectivamente Jorge Dorribo acusouno en sede xudicial, adoptará as accións legais oportunas contra el.