Emilio Pérez Touriño reivindica en COPE a Antón Louro fronte á “política que divide” nun mundo con “máis incertidumes” e “a división establecida de antemán”
O ex presidente da Xunta destaca a Louro como exemplo de política con maiúscula fronte a un tempo marcado pola polarización. O ex delegado do Goberno en Galicia faleceu en Pontevedra aos 73 anos

Entrevista con Emilio Pérez Touriño
Pontevedra - Publicado el
2 min lectura5:16 min escucha
O expresidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, reivindica a figura de Antón Louro como referente dunha “política que realmente une, que suma”, fronte ao clima de confrontación que, ao seu xuízo, caracteriza hoxe a vida pública. Nunha entrevista en COPE na que se lle pediu unha reflexión tras o falecemento do histórico dirixente socialista pontevedrés, Touriño contrapuxo o estilo dialogante de Louro á actual “división establecida de antemán” nun mundo “con máis incertidumbres, máis complexo”.
O ex responsable autonómico definiu a Antón Louro como “un home que fixo unha política, digamos, con maiúscula”, baseada en buscar “o consenso, o diálogo, o acordo” e afastada dunha práctica que “divide” ou “confronta”. Segundo subliñou, Louro exerceu unha maneira de entender a acción pública asentada na construción de propostas, na procura de saídas compartidas e na ambición de “transformar e progresar realmente”. Esa actitude, engadiu, converteuno “nun político diferente” que “se fixo querer por todos”, a pesar das súas “profundas conviccións socialdemócratas e galeguistas”.
compromiso vital co socialismo galego e pontevedrés
Pérez Touriño puxo en valor o compromiso de Louro co país e coa mellora da calidade de vida da cidadanía, incidindo tamén na súa dimensión persoal. Describiuno como un home que buscaba “sempre o positivo da vida, o positivo das cousas e o positivo para mellorar a vida das persoas”, cun “cariño no seu corazón permanentemente”. Ao seu entender, esa combinación de firmeza ideolóxica e talante integrador explica que despertase “o afecto e o aprecio de todas as sensibilidades políticas”.
Na esfera estritamente orgánica, o ex presidente salientou que Antón Louro foi moito máis ca un secretario de Organización do PSdeG. Remarcou que a súa figura “trascende o que é a capacidade de organizar un partido” e atribuile un papel “determinante” na traxectoria que levou o proxecto socialista galego, en coalición co BNG, á Presidencia da Xunta no ano 2005. “Todo o que fixemos, aquilo que se puido facer en positivo, leva a rúbrica compartida con Antón”, afirmou, chegando a admitir que mantén con el “unha débeda impagable”.
Interpelado sobre a comparación entre aquela etapa e a política actual, Touriño sostivo que “practicamente ten cambiado todo”. Describiu un escenario marcado por “máis incertidumes”, maior complexidade e unha realidade na que “a división está establecida de antemán”, o que dificulta articular alternativas diferentes. Aínda así, considerou que “facer outro tipo de historia sería posiblemente positivo e necesario”, aínda que asumiu que “cada tempo ten a súa propia realidade”. A figura de Antón Louro, con esa “política que une” fronte á bronca, preséntase así, nas palabras do ex presidente, como un contrapeso simbólico ao actual clima de crispación.



