O goberno bipartito de Lugo propón uns orzamentos "sensatos" e "realistas" para 2025
As contas ascenderán a máis de 121 millóns de euros e servirán para "levar adiante proxectos que fagan avanzar a cidade"

A proposta de orzamentos do Concello de Lugo para 2025 ascende a 121 millóns de euros
Lugo - Publicado el - Actualizado
1 min lectura
A alcaldesa de Lugo, a socialista Paula Alvarellos, e o tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo, presentaron este martes o anteproxecto de orzamentos municipais para este ano 2025, unhas das contas "máis elevadas da historia do Concello", que ascenderá a algo máis de 121 millóns de euros.
"A súa materialización vai permitir que ao longo deste ano Lugo avance na calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, pero tamén que se consolide o proceso de dinamización económica no que estamos inmersos", sinalou a alcaldesa, quen describiu os orzamentos como "realistas, rigorosos, sensatos e responsables".
Pola súa banda, o líder dos nacionalistas destacou que "os orzamentos para o 2025 son ilusionantes", que servirán para "levar adiante proxectos que fagan avanzar a cidade".
transformación física da cidade
Entre as principais partidas, destinaránse máis de 3 millóns de euros á rexeración urbana de Lugo, onde se contemplan proxectos como a mellora integral do acceso a cidade pola Fervedoira, a mellora dos polígonos industrias da cidade ou o impulso da zona norte.
Tamén se destinará unha partida de 1.150.000 euros para renovar o Carril das Flores e transformarase en rotonda o cruce entre Afonso X coa Rolda de Fingoi.
Un dos grandes obxectivos no tocante a mobilidade urbana é a creación de "dous grandes eixos peonís": un de norte a sur, entre A Milagrosa e a Praza de Bretaña; e outro de leste a oeste, desde a zona de Fontiñas ata o Parque de Rosalía de Castro.
En canto a novidades chamativas, destaca unha partida de 500.000 euros para a creación dunha nova protectora de animais ou un proxecto piloto de transporte a demanda para a veciñanza do rural, seguindo un modelo similar ao que xa funciona na cidade de Pontevedra.