FOI REPRESALIADO POLO RÉXIME FRANQUISTA EN 1943
Monforte reivindica a figura do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira
Un grupo de militares e gardas civís matárono en Celanova cando intentaba fuxir cara o monte, despois de ser traizoado por un vello amigo
Lugo - Publicado el - Actualizado
5 min lectura
O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presidiu na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o acto de homenaxe que o Concello organizou arredor do guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira, asasinado polas forzas de represión franquista o 13 de xullo de 1943 na Caseta de Ansemil, en Celanova.
O acto contou coa participación do historiador Carlos Morais e o artista plástico Baldomero Moreiras, ademáis dos membros da corporación municipal, representantes de diversas asociacións monfortinas, veciños do municipio e a presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Soto Feijóo.
A homenaxe dá continuidade á celebrada en Celanova o pasado mes de xullo, coincidindo co 81º aniversario da morte de Yáñez Pereira.
"O Médico"
"Estamos aquí, para honrar a memoria dun monfortino, Ramón Yáñez Pereira, coñecido como O Médico, que foi unha das 90 vítimas da represión durante a guerra e a ditadura que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ten documentado, e que sitúa o seu soterramento no cemiterio de San Breixo de Celanova", indicou Tomé.
O alcalde monfortino lembrou, na mesma liña, que en marzo de 2020, "levamos a cabo dende o Concello outro acto de homenaxe a unha vítima da represión franquista, neste caso a Consuelo Alonso González, unha muller que foi veciña desta cidade nos anos 30 do pasado século, e que foi represaliada e executada polo réxime franquista, por defender as súas ideas, o 13 de maio de 1938. Dende o Concello de Monforte somos moi sensibles e estamos moi implicados con homenaxear a aqueles monfortinos e monfortinas que foron represaliados, ben durante a Guerra Civil, ben durante a posguerra do rexime militar de Franco, que é unha parte moi dura da nosa historia, pero que é tan necesario lembrar, e que nunca debemos esquecer".
O rexedor monfortino recordou a Lei de Memoria Histórica, que foi aprobada polo Congreso dos Deputados o 31 de outubro de 2007, "tras ser impulsada polo goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero. Unha Lei grazas á cal podemos levar a cabo as investigacións pertinentes e o recoñecemento de todas as vítimas da Guerra e da ditadura de Franco. Por iso, as investigacións do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova permítennos hoxe dar a coñecer en Monforte a historia de Ramón Yáñez e homenaxealo como se merece".
UN FILLO DE MONFORTE
Ramón Yáñez Pereira naceu en Monforte de Lemos en 1902, sendo fillo de Manuel Yáñez e María Pereira. Polo que sabemos, o seu pai era axente comercial e rexentaba unha representación de fósforos nas Terras de Lemos.
Ramón era chofer de profesión, pois sendo moi novo, con 21 anos xa sacara o carne de conducir.
Emigrou a Barcelona e sabemos que durante a Guerra Civil foi axente policial da Generalitat de Cataluña. Antes de caer a cidade condal, en 1938 cruzou a fronteira cara Francia, e posteriormente volveu a España e a Monforte, acompañado dunha muller catalá chamada Teresa Batet, posiblemente a súa compañeira.
Ata xuño de 1940 exerceu de axente recadador de "contribucións" en Ribadavia, onde mantivo a súa actividade política na clandestinidade até que se incorporou á guerrilla. As forzas do réxime buscaban a súa detención, polo que tivo que refuxiarse en Castro Laboreiro, que pertence ó concello portugués de Melgaço, adoptando o nome de Enrique, aínda que tamén era coñecido como "O Médico", porque tiña colaborado con éxito en partos.
É nese momento cando establece relación con "O Brasileiro", incorporándose de inmediato ó proxecto de resistencia armada que aquel estaba organizando. Tamén sendo militante comunista, constituíuse coma un dos mandos do grupo de guerrilleiros nesta zona do Laboreiro.
En xullo do ano 1943, que foi no que morreu, achegouse a Celanova para tratar de conseguir cartos a través dun conveciño de Monforte e parece que vello amigo, e que por entón xa era un rico comerciante instalado en Celanova, de nome Ramón Castro.
Pero o guerrilleiro foi denunciado polo seu vello amigo, e un grupo de militares e gardas civís, cifrados en 11, rodearon a fonda da Caseta de Ansemil na que Ramón Yáñez quedara para recibir a axuda de Ramón Castro, e matárono cando intentaba fuxir cara o monte.
A autopsia, recollida na causa contra Yáñez Pereira, non deixa lugar a dúbidas da violencia dos represores contra o guerrilleiro, e que se recollen na Causa 335/1943: "varios orificios situados en cara, pecho, abdomen y parte superior de los miembros inferiores...", rexistrándose a súa morte ás 21:30 horas do 13 de xullo de 1943.
Polo que nos din os historiadores, este operativo posto en marcha contra Ramón Yáñez non era para capturalo vivo, cando podía ter sido simplemente detido.
Ramón Yáñez Pereira foi soterrado no cemiterio de Celanova. Segundo figura nas dilixencias da causa, foi sepultado nunha fosa aberta.
HOMENAXE "MOI NECESARIA"
O goberno local monfortino considera "moi necesaria" a homenaxe que se lle rendeu en Monforte a Ramón Yáñez, "porque os monfortinos e monfortinas deben saber que un veciño da nosa cidade foi executado sen xuízo previo inxustamente por defender aquilo no que cría", indicou Tomé.
"E creo ademais que non podemos nin debemos esquecer o que supuxo a ditadura franquista, o que foi a represión neste país. Non pode ser que unha persoa que deu a súa vida pola liberdade e a democracia sexa esquecida. Creo que é necesario rescatar do esquecemento e reivindicar figuras como a de Consuelo Alonso González, que lles mencionaba ó principio, ou a de Ramón Yáñez Pereira, que reivindicamos hoxe, porque forman parte esencial da nosa historia común. O seu sacrificio debe ser un punto de referencia para todos nós e para as xeracións futuras", concluíu o alcalde.