O Concello da Coruña adxudica as obras para mellorar a accesibilidade na estrada dos Fortes
Reforzarán a seguridade viaria preto dos centros escolares da contorna dos Rosales

Carretera de los Fuertes (Os Rosales- A Coruña)
Coruña - Publicado el - Actualizado
2 min lectura
O Concello da Coruña adxudicoulle á empresa Canarga as obras para mellorar a accesibilidade na estrada dos Fortes, onde proximamente arrincarán os traballos cos que o Goberno de Inés Rey busca reforzar a seguridade viaria preto dos accesos aos centros escolares e o centro de saúde dos Rosales.
A intervención na estrada dos Fortes levarase a cabo, concretamente, no percorrido que conecta a rolda de Outeiro co cemiterio de San Pedro de Visma. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, recalcou hoxe que, "se ben o calmado do tráfico e o reforzo da seguridade peonil é fundamental en toda a paisaxe urbana, neste punto en concreto é máis necesario aínda", apuntando que ao longo da estrada dos Fortes, bidireccional e sometida a un intenso tránsito diario de vehículos, "están as portas de acceso aos colexios Calasanz e Calasancias, e tamén a equipamentos sanitarios, como o centro de saúde do barrio dos Rosales".
Máximo de 30 km/h
Díaz lembrou que na estrada dos Fortes, onde a velocidade máxima é de 30 quilómetros por hora, habilitouse tempo atrás un radar pedagóxico para recoller os datos de circulación na zona e avaliar posibles medidas no caso de detectarse infraccións de tráfico. Por este motivo, e co obxectivo de mellorar e reforzar a seguridade viaria, o Goberno de Inés Rey actuará na estrada ao longo de 310 metros.
En primeiro lugar, acometerase a sobreelevación dos pasos peonís existentes e, en paralelo, disporanse máis redutores físicos da velocidade e reforzarase a sinalización horizontal e vertical. Ademais, crearase unha nova orella de protección peonil no cruzamento coa rúa Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e, xa na beirarrúa de acceso ás Calasancias, implantarase unha varanda de protección para reforzar o espazo de paso das crianzas.
Os traballos, para os que se estima un prazo de execución de tres meses desde a súa posta en marcha, suporán un investimento de case 90.000 euros.