O Concello e o Básquet Coruña lanzan o concurso escolar “A voz do Coliseum” para implicar á mocidade co deporte e a creatividade

Alumnado de 5.º e 6.º de primaria poderá crear cánticos de animación para o Leyma Coruña e vivirá a emoción dunha final no propio Coliseum

Coliseum de A Coruña

Coliseum de A Coruña

Deportes COPE Coruña

Coruña - Publicado el - Actualizado

3 min lectura

O Concello da Coruña en colaboración co Club Básquet Coruña, pon en marcha o concurso escolar “A voz do Coliseum”, unha iniciativa dixirida ao alumnado de 5.º e 6.º de primaria dos centros educativos da cidade. O certame convida ás aulas a crear cánticos orixinais para animar ao equipo Leyma Coruña, promovendo a creatividade, o traballo colectivo e o orgullo de cidade.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 25. A convocatoria xa está dispoñible na web municipal de Educación. A iniciativa desenvolverase nas semanas seguintes e culminará cunha gran final durante un partido oficial no Coliseum, onde as propostas seleccionadas serán interpretadas en directo ante a afección coruñesa.

O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, salientou que “con esta proposta buscamos achegar o deporte á escola como ferramenta educativa e integradora, promovendo valores como a cooperación, a expresión artística e a identidade local. A participación da mocidade na vida da cidade é un eixo central do noso traballo desde a área de Educación”.

A clase gañadora terá como premio unha visita do equipo do Leyma Coruña ao seu centro educativo, nun encontro especial no que poderán compartir coas e cos xogadores a súa proposta gañadora e vivir unha xornada de convivencia arredor do deporte e da creatividade.Ademais, o centro recibirá un pack de merchandising oficial do club e será recoñecido nas redes sociais do Básquet Coruña

Esta iniciativa enmárcase nas políticas activas de apoio á comunidade educativa e ao deporte base que está a desenvolver o Goberno de Inés Rey en colaboración con clubes e entidades, comprometido con facer da Coruña unha cidade que educa, que escoita á súa mocidade e que fomenta a participación activa desde as idades máis temperás.

O concurso forma parte do programa educativo municipal “Paixón Laranxa”, e ten como obxectivo fortalecer o vínculo entre o Club Básquet Coruña e as futuras xeracións de seareiras e seareiros, garantindo un ambiente vibrante e respectuoso no Coliseum. Así mesmo, pretende fomentar a participación infantil en eventos deportivos e impulsar a creatividade a través da animación como ferramenta educativa.

Durante os días 5 e 6 de maio, os colexios participantes desprazaranse á Polideportiva de Riazor para asistir a un adestramento do Leyma Coruña. Alí, entoarán os seus cánticos —con duración máxima de 30 segundos—, que serán gravados e posteriormente sometidos a votación nas redes sociais do club. O formato admite o uso de instrumentos (bombos, tambores, megáfonos), sempre mantendo un ton respectuoso e inclusivo

A final celebrarase o 17 de maio, coincidindo co encontro entre o Leyma Coruña e o Morabanc Andorra no Coliseum. O sistema de votación combinará un medidor de decibeles no recinto (50% da puntuación) e unha enquisa nas redes sociais (50 % restante), garantindo así a participación directa da cidadanía.

 Cronograma da actividade:  

 ● Inscricións: do 22 ao 25 de abril 

● Eliminatorias: 5 e 6 de maio (Polideportiva de Riazor)

 ● Finalistas: semana do 12 de maio 

● Gran final: 17 de maio (Coliseum) 

● Proclamación do colexio gañador: semana do 19 de maio 

● Visita do equipo ao centro gañador: semana do 26 de maio  

 Máis información:  

 Web municipal: educacion.coruna.gal 

Club Básquet Coruña: comunicacion@basquetcoruna.com | 633 696 621 – 652 708 922 Servizo municipal de Educación: educacion@coruna.gal | 981 184 200 (ext. 10179)  

Programas

Último boletín

18:00H | 13 MAY 2025 | BOLETÍN

Boletines COPE