Pasado un mes dende que os socialistas de Cervo denunciasen o estado de abandono da rúa Concepción Arenal aseguran que “o equipo de goberno volveu a enganar ós seus veciños con respecto a estas obras. O único que fixeron foi facer acto de presencia polo lugar e ordenar o rebacheo e o cambio de plaqueta de pouco máis de dous metros cadrados.” Dende que fixeran pública a súa crítica, inmediatamente a edil de obras do Concello, Pilar Armada, recoñeceu a necesidade deste arranxo e asegurou que estaban traballando no asunto, “pero é que levan co mesmo discurso dende o ano 2009, no que anunciaron esta obra, e señora Armada, xa estamos ben entrados no ano 2013. Cremos que o tempo xa foi máis ca suficiente polo que esiximos que se poña a traballar para poñer punto final a esta situación coa máxima celeridade.” Os membros do Grupo Municipal Socialista din que “despois de agardar un tempo prudencial e confiar na boa fe deste goberno, non vemos ningún resultado. As declaracións desta señora, que por riba tildou a nosa crítica de oportunista, non foron máis cunha burla cara ós nosos veciños, unha auténtica falta de respecto que só amosa unha vez máis a pouca palabra da que gozan os nosos gobernantes”. Neste senso, engaden que “o único obxectivo das nosas denuncias é atender ás necesidades dos habitantes de Cervo e esiximos que se fagan as actuacións necesarias para o completo arranxo desta rúa, pois é o punto comercial alimenticio por excelencia para os veciños, non só de San Ciprián, se non de todo o Concello.”