A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, o alcalde burelés, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, fixeron entrega este mediodía dos locais situados na recen rehabilitada vivenda dos mestres do CEIP Virxe do Carme a tres asociacións burelesas: Raíces Peruanas, Batukadeiras Rabentola e Clube Ciclista Cerezobikes. O rexedor dixo que “se trata dun compromiso máis co tecido asociativo de Burela. Nestes tres anos de goberno do PP non desapareceu ningunha asociación, creáronse máis e todas as que se crearon teñen a colaboración, en maior ou menor grao do Concello, como se demostra coa entrega destes locais”. E engadiu que “nesa vivenda queda un local libre e cando ese local se ocupe volveremos ter un problema de locais para asociacións, porque estamos seguros de que seguirán a nacer asociacións en Burela”. Esa vivenda e outra que se destinará a emerxencia social foron rehabilitadas pola Escola Obradoiro Sendas de Burela, Cervo e Xove. Diana Durán explicou que “así estas asociacións poderán disfrutar de canda seu local co obxectivo de programar, ensaiar, debater e desenvolver todas aquelas actividades obxecto dos seus estatutos. Con esta aposta o equipo de goberno segue a reforzar o tecido asociativo de Burela, que entendemos é fundamental para o desenvolvemento da nosa vila”.