También en directo
Ahora en vídeo
  • megabanner_1:No existe configuración de publicidad para el slot solicitado

OPINIÓN | Sargadelos: Ben de Interese Cultural (José Manuel Balseiro)

O Goberno galego que preside Alberto Núñez Feijóo vén amosando ao longo dos últimos anos o seu apoio decidido e constante á Cerámica de Sargadelos baixo o convencemento de que por riba da importancia dunha actividade formalmente industrial, existe tamén un importantísimo proxecto cultural, social e de identidade galega de primeira orde. No ámbito deste compromiso naceron apoios como os impulsados pola Consellería de Economía e Industria para a internacionalización dos seus produtos, que tamén buscaban afirmar un cadro de persoal, formado case na súa totalidade por mulleres, que non puido evitar verse afectado polo contexto xeral de crise. O pasado mércores a Xunta daba un paso máis neste obxectivo de comprometido apoio, e acollíamos cun especial aplauso o inicio do procedemento administrativo que busca declarar Ben de Interese Cultural, na súa categoría de monumento, á Fábrica de Cerámica de Sargadelos. Unha petición que acolle a vontade expresada no Parlamento de Galicia e que supón o recoñecemento e posta en valor deste complexo cerámico que reflicte en cada recuncho a imaxe pétrea dese singular proxecto ideado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, que souberon unir esforzos para crear un lugar emblemático e pioneiro dirixido á creación artística e o rexurdir cultural de Galicia, e o conseguiron. Se ben é certo que o estado de conservación do conxunto da fábrica cervense é bo, a declaración como Ben de Interese Cultural pode servir para rescatar, tras o seu cese de actividade, os usos relacionadas coa propia historia do Laboratorio de Formas, coa investigación, a arte e a cultura. En definitiva, para facer que por riba do tempo e das circunstancias perdure o espírito dun conxunto de primeira magnitude turística e cultural. Falar de Sargadelos non só é falar dunha empresa senlleira que supón a recuperación e posta en valor do pasado máis salientable da comarca da Mariña lucense ou do conxunto histórico-artístico que leva o seu nome. Tamén implica unha aposta decidida polo fortalecemento  da imaxe dun produto que leva con orgullo o nome de Galicia polo mundo adiante. Esa Galicia digna do noso maior orgullo e recoñecemento, esa Galicia que se reflexa na indiscutible calidade da súa cerámica, no enxebre dos seus debuxos, no espírito cultural e histórico das formas da nosa terra.     Jose Manuel Balseiro Orol Secretario do Parlamento de Galicia

Lo más visto