También en directo
Ahora en vídeo
  • megabanner_1:No existe configuración de publicidad para el slot solicitado
Mondoñedo |

Las Quendas 2013 están en marcha

La ciudad episcopal celebra las fiestas con un programa lleno de actividades lúdicas, culturales y gastronómicas. La organiozación tiene preparado feria caballar, fiesta de la empanada o jornadas agstronómicas de la carne de caballo y potro; sin olvidarse de las verbenas y el concurso de charangas. El telón se levantó con el pregón a cargo de Mari Carmen Rodríguez Lage.

A verdade é que nunca pensei que unha canción dese para tanto... Non teño que facer moito esforzo para visualizarme no patio do recreo do colexio da Alcántara do ano 1977, mirando de esguello aos nenos que xogaban ao fútbol, instándoos coa mirada para poder formar parte dos seus xogos, aínda que fose de porteira. E a poucos metros destes evocados recordos, estou aquí, nun escenario, ante as miradas dos meus paisanos, que provocan en min, un pudor e unha inseguridade, dificilmente descritible, pois non me vin nestas guisas, nin no máis atrevido dos meus sonos. E, certo é que, entre as miñas limitadas calidades, a de oradora, non é, nin de lonxe, unha delas. Por iso, vaia por diante do meu "discurso", as miñas desculpas máis sinceras, por todos os erros que cometerei como pregoeira. Non obstante, malia todas as dificultades que me supón estar aquí, pois non me sento á altura do que representa unha pregoeira, a pesar diso, estou aquí e estas son as miñas razóns: Por un lado, creo que a vida presenta poucas oportunidades de superación e isto é un reto do que espero aprender. Ao mesmo tempo, sinto que Mondoñedo e as súas festas, déronme moitos agasallos, moitas alegrías, moitos bos anacos e non quixera eu deixar de corresponder, colaborando en poder poñer con maiúsculas ao noso MONDOÑEDO. Finalmente decidinme a aceptar esta proposta, pois sentín cariño no convite que me fixo a comisión de festas á que parece que emocionou a miña canción de Sempre Mondoñedo, cando realmente o que si produce emoción é poder levar na alma sempre a Mondoñedo. Creo recordar que a primeira vez que oín falar da festa das Quendas, a palabra Quendas pareceume preciosa, singular, moi sonora... Ademais celebraríase en maio. Xenial, pensei, posto que Os Remedios e, especialmente, As San Lucas, que son festas de outono, se viron ensombrecidas en numerosas ocasións por reveses climatolóxicos, pois este tempiño noso é unha cruz que algún secuaz do Merlín de Cunqueiro debeu deixar esquecida baixo as faldras do Padornelo. Pois ben, dicía, que me gustou o nome, a data e ademais... a empanada!!! Iso si que culminou a miña ilusión polas Quendas. É de todos coñecido que en Mondoñedo, hai varias fronteiras, con distintas denominacións... están os de Valiño , os de Viloalle, os de Masma, os dos Picos, os dos Muíños ( coa súa subdivisión espacial: arriba- abaixo), os de Estelo, os de Lindín, os de San Lázaro, os de Zoñán, Troceda, Vilamor, Pedrido,… e xa achegándonos máis a, se se me permite a expresión, o centro episcopal: están os do pobo. Si, así os chamamos os que somos de... OS REMEDIOS. E eu son de Mondoñedo, dos Remedios e, co permiso de Rosalía e Ubaldo, son da Alameda. E os da Alameda dos Remedios, temos moito que contar sobre as festas. Empezando pola empanada. Eu crieime ao pé dun forno de pan e empanadas. A veciña panadería de Crespo deu moitas satisfaccións aos praceres da mesa e sempre foi un imprescindible en calquera celebración na miña casa e penso que en todas as mesas dos mindonienses. Esas empanadas de verza recheas dos preparados da miña nai, tiñan premio, pois o que tiña a sorte de poder ir buscala á panadería, tiña a recompensa de tomar o tapón, aínda que entre os  meus irmáns sempre intentabamos facer trampas para poder comelo. Nunha ocasión lin das empanadas que na súa orixe medieval, os pastores dispoñían diferentes alimentos nun oco de pan de bo tamaño , e que co tempo este pan xa enfornado  foise transformando, pasando a enfornar a masa co recheo. Pois ben, a empanada de Mondoñedo, na miña casa, non pode estar no apartado de entrantes, pois o grosor da súa masa, que sabe ao pan destes pastores, é realmente o prato principal das festas da miña familia. Cando eu era unha nena, para os dos Remedios, as festas arrincaban polo menos dous días antes das datas oficiais, e rematan dous días despois. Os funcionarios do Concello tiñan a ben, ter posto o palco para as orquestras, cuns días de antelación e retiralo pasados uns días máis do fin das festas e isto supoñía para os nenos da Alameda un plus de celebración que non esqueceremos ningún dos nenos da época. Ao día de hoxe, penso que non existe aplicación para móbil, xogo para a Wii, para a Play, para a “tablet”,… máis divertida que disfrutar do palco de táboas de aglomerado que quedaba na Alameda uns días a disposición dos rapaces. Nese palco fixéronse concursos de Eurovisión, bailes de improvisadas coreografías, confesións de namorados, xogos simbólicos,… que nos fixeron sentir os nenos máis afortunados do mundo e estes recordos forman parte dos  momentos máis felices da miña vida. É que esta Alameda dos Remedios garda entre as súas árbores moitos segredos e moitas pantasmas.Si, si, moitas pantasmas. Ten, por exemplo, pantasmas equinos, que andan a rinchar camiño do Campo da Feira. Pantasmas musicais, que viven no quiosco e que aprenderon multitude de pezas de tanto escoitar nas orquestras. Pantasmas devotos, camiño do Santuario da Nosa Señora, que levan o nome de Don Jaime, José María Rego, Angelito Amor polo seu paso diario. Pantasmas deportistas, con bici e sen ela, dando voltas unha e outra vez, ao perímetro da Alameda. Pantasmas namoradas, sentadas nos bancos máis agochados, escapando das miradas das pantasmas veciñas, envoltos en abrazos e bicos. Pantasmas do Hospital de San Pablo e do Asilo, uns cantando con hábito relixioso ao son dunha guitarra na igrexa, e outros cantando as súas propias melodías cos rostros de Benigno, Blas ou Casiano. Pantasmas estudantes, paseando no momento do recreo do instituto e lanzando polos aires os seus libros ao rematar en xuño as clases do curso. E algunha outra pantasma sen clasificar, pero os que máis me gustan son as pantasmas infantes, que andan a xogar no adro da igrexa esperando á saída dos bautizos para recoller os caramelos e as pesetas que botan os padriños. Tamén corrican polo muro da Alameda marcando con pedras na lousa o xogo de tres en raia xuntando tres pedras brancas e outras tres escuras. Outros xogan ás cociñas preparando manxares coa terra, area, pedras, fentos e margaridas. Pódense atopar tamén a estes infantes nunha pantasma de pedra, chamada o Altar dos Caídos, que fai de castelo, de escenario, de escondedoiro, e mesmo de estudio cinematográfico,… Moito tería que dicir a nosa Alameda se as súas pantasmas falaran … Se o fixeran, falarían do meu amor pola música e da miña afección de compoñer, pois os seus bancos e o seus muros, foron as miñas primeiras testemuñas públicas dos meus primeiros acordes, que buscaban rimas e sons, sen vergoña, só con gañas e ilusión. Alí, neses bancos xunteime con amigas que compartían afección e entoábamos cantos a dúas voces, mentres os bailes das follas das árbores marcaban o tempo transportándonos cos sentidos ao mellor local de ensaio. Teño que confesar que cando fixen as maletas para marchar de Mondoñedo e aprendín a vivir sen o son diario das campás, foi cando realmente comecei a sentir o valor da miña cidade. Cada vez que regreso, vólvome a atopar coa miña nenez, coa miña adolescencia,… e entonces as pupilas dos meus ollos, dilátanse, os meus oídos ensánchanse e síntome viva e afortunada. Fai máis de dezaseis anos que son nai, e parodiando a Mondoñedo con un fillo, diría de el que: Encheume sempre de orgullo,… por toda a súa historia e o seu arte e cultura. Deume moitas satisfaccións … pola súa beleza, as súas cores, os seus olores e o seus sons. E deume tamén, desgustos,…  polo desgaste das súas pedras, polo baleiro das súas casas, polas feridas das súas rúas, polos silencios dos seus comercios, polos peches das súas fábricas, pola seca de veciños, pola dor dos ausentes,… Non obstante, Mondoñedo segue moi vivo, activo e cos tempos, pois está moi presente en internet grazas a mindonienses que deixan na rede un abano de posibilidades para poder sentirnos preto e sempre en contacto coa nosa cidade. Quero aproveitar para mostrar o meu agradecemento e admiración a estes “mindonienses dixitais”, polas súas webs, blogs, grupos en redes sociais,  sinal que confirma que Mondoñedo segue parindo celebridades do mundo das artes e das letras: “Mondoñedo.net” “Mondoñedo es más” “Mindonium.es” “Asociación Cultural O pasatempo” “Amigos de la Ciudad de Mondoñedo”, ( e desde aquí o meu recordo para o seu primeiro presidente Ricardo Pedreira Pérez, recentemente falecido). “Comarca de Mondoñedo Unida” ACIAM , Asociación de comerciantes industriais e autónomos de Mondoñedo. “Cultura e ocio”, blog de Marcos Candia “Criticalia”, blog de Armando Requeixo “Caderno de campo”, blog de Antón Reigosa. Tamén xestiona Antón Reigosa, a web “Galicia Encantada”, recoñecida recentemente co premio Irmandade do Libro. “Miscelánea Mindoniense”, blog de Andrés García Doural O recente blog, “Mondoñedo es ambiental” dos alumnos do ciclo superior de Xestión Forestal do IES San Rosendo. “Os de Noriega”, blog firmado por O Cantor do Ermo “Bouso”, blog de Fran Bouso “O meu recuncho”, fermosa web de Moncho García “Escolas Deportivas Mondoñedo”, do meu admirado e incansable Raúl González-Redondo “Asociación Xuvenil Xoldra” “O museo das zocas”, de Alberto Geada “Chendo e Cuncas” de Zalo “A casa de Mañas” “Finca El Remanso” “Taxi Mondoñedo” “O Porriño” que considero un exemplo de reciclaxe da arte, exemplo de gañas e de entusiasmo. A nosa embaixadora nas redes sociais,  Esther do Pinto, con máis de 670 amigos de todo o mundo, aos que Esther  dálles a coñecer todo o que se publica sobre Mondoñedo. E moitos máis aos que pido desculpas por non coñecer aínda ou non poder recordar nestes momentos. O meu recoñecemento para todos. Son unha mestra vocacional dos máis cativos, unha musiqueira de moi autodidacta formación,… pero cando veño a Mondoñedo, todo iso esvaécese e só síntome unha veciña máis, unha paisana orgullosa, unha privilexiada, e aspiro bafaradas de aire das montañas e sinto o eco das miñas pisadas polas empedradas rúas e saúdo a destro e sinistro cada familiar rostro que me encontro a cada paso. Míroo todo coma se fose a primeira vez, e en cada mirada descubro novos tesouros, novas sensacións: un balcón, un portal, un escudo, un camiño, unha beirarrúa, un paseo, unha escaleira, un río, unha fonte, un escondedoiro, un misterio... Todo ten historia, todo ten poesía, todo ten música, todo ten lenda, todo é máxico. Mondoñedo namora. Por iso digo na miña canción: “Busco as palabras que acerten a expresar, como é este lugar que a tantos fai amar”. Seguro que cada un dos aquí presentes poderíamos dicir unha razón distinta para explicar o noso amor por Mondoñedo e posiblemente un pregón non abondaría para poder abranguelas todas. E xa remato dando as grazas máis sinceras e máis emotivas á Comisión de Festas, pola súa invitación, a todos os presentes pola vosa atención e a Mondoñedo por ser “meu berce, meu maná”. Quero despedirme tomándome a licenza de facer miñas as palabras que cantaba Serrat “ ¡Qué le voy a hacer, si yo nací en Mondoñedo!” Moitísimas grazas e a disfrutar das Quendas 2013!!