Exigen a la Consellería de Educación que rectifique esta decisión y contrate un servicio de catering que sí cumpla con los requisitos exigidos por la ley.
A CIG Ensino ven de saber que o servizo de “catering” que a Consellaría de Educación lle asignou ao centro público de Ourol é servido por unha taberna que está a máis de 10 quilómetros do centro e que non cumpre cos requisitos esixidos por lei para este tipo de servizo.
Este feito provocou na comunidade escolar unha grande preocupación, tanto de mestres como dos pais e nais dos escolares, porque ven que os seus nenos e nenas poden con esta decisión estar mal atendidos. A maiores hai que considerar que os menús escolares son menús que deben cumprir cunhas esixencias en canto ás calidades e variedades nutritivas da comida que dificilmente un bar pode dar e que pola distancia as comidas non chegarán nas condicións hixiénicas idóneas. Ademais no centro hai escolares que necesitan menús especiais como é o caso dunha nena celíaca de tres anos.
A CIG non deixa de sorprenderse que a Consellaría permita esta situación porque contradí totalmente a lexislación que a propia Consellaría de Educación ten aprobada. Así, a Orde do 21 de febreiro de 2007 pola que se regula a organización, funcionamento e xestión do servizo de comedor escolar establece no seu artigo 3.4. que as empresas de alimentación seleccionadas deberán cumprir a normativa hixiénico-sanitaria para industrias dedicadas á elaboración, distribución e comercio de comidas preparadas.
A CIG Ensino considera esta situación moi grave e esixe da Consellaría que rectifique esta decisión e contrate un servizo de “catering” que cumpra con todos os requisitos legais para que os nenos e nenas do colexio de Ourol estean atendidos e alimentados con todas as garantías. Ao mesmo tempo denuncia a política privatizadora e de desmantelamento de comedores escolares, sobre todo no eido rural como o caso de Ourol, e doutros servizos públicos que está levando o PP en educación con todos os prexuízos que como vemos isto leva para unha maioría social.